A Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes é unha biblioteca española que reúne obras hispánicas en Internet. Ten como obxectivo principal a difusión da cultura hispánica. Foi creada en 1999 por iniciativa da Universidade de Alacant e co patrocinio do Banco Santander e a Fundación Marcelino Botín. Está xestionada por unha fundación que preside Mario Vargas Llosa. A idea orixinal do proxecto concibiuna Andrés Pedreño Muñoz, reitor da Universidade de Alacant nese momento, inspirada no concepto de biblioteca dixital dalgunhas universidades estadounidenses. El foi quen presentou a Emilio Botín, Presidente do Banco Santander un proxecto pioneiro en dixitalización de obras de referencia hispanas, algo que dende primeiro momento entusiasmou ó máximo responsable do Santander e deulle o seu apoio. Un consello científico, dirixido por Darío Villanueva, avala o rigor da biblioteca.